Birding

Punto de unión entre o Atlántico e o Cantábrico no cabo de Estaca de Bares, a ría do Barqueiro é un excelente observatorio de aves.

Cada outono, entre finais de agosto e principios de decembro, máis dun millón de exemplares de aves procedentes do Atlántico, do Mediterráneo e do Ártico sobrevoan este corredor migratorio.

A ría, con multitude de enseadas, plantas e amplas praias, Estaca de Bares, o punto máis setentrional da Península Ibérica con escarpados cantís e vexetación autóctona, e o mar fronte a esta zona constitúen un bo enclave  para observar a migración das aves mariñas. 

Ademais de lugar de tránsito, é tamén un punto de alimentación para moitas das aves que se reproducen na zona.

Mascatos, pardelas, alcas, carrán, arao papagaio ou palleira cruzan os impoñentes cantís nas súas viaxes migratorias dende as áreas de cría até as zonas de invernada.

Outras especies, coma o corvo mariño moñudo ou a pardela cincenta, poñen nestas costas punto final á súa viaxe, formando unha pequena colonia, unha das poucas coñecidas no Atlántico español xunto coa das Illas Canarias.

Ademais, a IBA (Important Bird Area) Punta de Candeloria-Ría de Ortigueira-Estaca de Bares, dentro da que se atopa esta zona, é tamén Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) da Rede Natura 2000 e conta cunha estación ornitolóxica permanente.

Observación de aves en Mañón

Importancia ornitolóxica

Ligazóns