O Barqueiro

O Barqueiro é un pobo típico mariñeiro da costa galega. O seu nome procede do barqueiro que, até a construción da ponte en 1901,  trasladaba ás persoas e mercadorías dun lado ao outro da ría.

A ría do Barqueiro é unha das máis pequenas de Galicia e acolle o bravo encontro entre o Atlántico e o Cantábrico no cabo de Estaca de Bares, o punto máis ao norte da Península Ibérica e un excelente observatorio de aves. Cada outono, entre finais de agosto e principios de decembro, miles de aves mariñas sobrevoan esta costa, a ría de Ortigueira e a illa Coelleira.

O porto do Barqueiro sitúase na desembocadura da Sor, un río salmoneiro.