PONTE SEGADE - REFUXIO DE SALUSTIO - PONTE SEGADE

  • Descrición: Este itinerario comeza na área recreativa de Ponte Segade. Tomamos o sendeiro que arranca río abaixo pola súa marxe esquerda, até o refuxio de Salustio, e despois de atravesar a ponte de cemento, regresamos ao punto de partida remontando o río pola outra beira.
  • Trazado: Circular
  • Dificultade: Baixa pero non é accesible nin practicable para público con mobilidade reducida nin discapacitados.
  • Distancia: 3,5 km
  • Tempo de percorrido: 1h
  • Valoración M.I.D.E:
    • MEDIO (severidade do medio natural): 1
    • ITINERARIO (orientación no itinerario): 1
    • DESPRAZAMENTO (dificultade no desprazamento): 2
    • ESFORZO (cantidade de esforzo preciso): 1
  • Coordenadas do inicio do percorrido: 43°37’16,50”N; 7°44’,19”O

A área recreativa de Ponte Segade foi unha das primeiras acondicionadas para o disfrute e conservación do medio e como apoio para os pescadores. Xunto a esta, existen outras ao longo do río formadas por distintos elementos como pasarelas, pontes, refuxios, aseos, bancos...Todas elas foron construídas grazas a colaboración dos veciños, que en moitas ocasións cederon as súas propiedades. Agora forman parte dun novo patrimonio que a todos corresponde gozar e coidar.

Comezando o noso itinerario podemos descubrir dúas árbores que medran á beira do río, e xunto con outras que forman o bosque de ribeira cumpren importantes funcións na súa conservación.

O ameneiro é a máis representativa e abondosa de todas elas e tamén a que acada maior altura. Medra nas marxes do río, coas raíces sempre enchoupadas axudando a reter a terra que podería ser arrastrada polas chuvias torrenciais e dando acubillo a numerosos animais acuáticos e anfibios. A súa madeira, branda e lixeira, empregouse para facer zocas e pezas de muíños, pois resiste moi ben a humidade e non podrece facilmente. Os seus froitos son como pequenas piñas diminutas que gardan moitas sementes, moi apreciadas por multitude de paxariños. Os ameneiros enriquecen o solo sobre o que viven, grazas a uns fungos asociados as súas raíces que permiten fixar o nitróxeno atmosférico.

No bosque de ribeira medra tamén a abeleira, unha pequena árbore co tronco moi ramificado. Os seus froitos, as abelás, que maduran a finais do verán, teñen un excelente sabor e un alto valor nutritivo moi apetecible para a fauna do bosque e para nós que as comemos como froito seco e en diversos doces. Tamén empregamos a súa madeira, moi flexíbel e axeitada para facer caxatos, varas e cestas.
Neste tramo medio do río Sor podemos ver coios ou cantos rodados no leito e nas beiras do río. A forza da auga ao longo do tempo escavou o leito e desgastou o fondo e as ladeiras transportando estes materiais. Os coios grandes, gravas e areas foron acumulándose, enchendo parte do leito do río.

Ao longo do camiño aparecen dúas árbores que tiñan distintos usos tradicionais. A pereira brava é unha pequena árbore espiñenta que dá uns froitos pequenos comestibles pero de pouco sabor. Os peruchos son de carne dura e aceda, e están maduras a partir do mes de setembro, fornecendo alimento a multitude de animais. En Galiciatense empregado como patrón para enxertar pugas de variedades de pereiras ou maceiras máis estimadas polos froitos, dándolle así á enxertada resistencia a pragas e doenzas e mellor aclimatación.

O buxo é un arbusto que medra de forma ventureira con follas sempre verdes e lustrosas que se utiliza tamén como ornamental e formando sebes. Medro moi lentamente e a súa madeira é moi prezada en tornaría e para facer gaitas. Coa súa madeira tamén se fai un popular xoguete que baila: a buxaina.

A carballeira do refuxio Salustio agocha á árbore máis tradicional en Galicia, presente nas feiras, na toponimia...e tamén a mais abondosa nas fragas galegas autóctonas, o carballo. Das súas follas e froitos (landras), aliméntanse multitude de animais. A caída da folla no outono, arrequece o solo e aporta elementos nutritivos. Nos seus troncos centenarios fórmanse ocos que aproveitan algunhas aves insectívoras para aniñar, como os ferreiriños, cazadores incansables que poden chegar a capturar até 8000 insectos para completar a ceba da súa rolada. Estes paxariños son moi eficientes contra as pragas. Nesta carballeira hai caixas-niño instaladas para facilitar a cría destes beneficiosos paxaros.

No Sor viven dúas formas de troita autóctona: a torita de río ou común, que é sedentaria, e a troita mariña ou reo que é migratoria.

De volta a Ponte Segade atopámonos cos campos de cultivo preto do río conformados por campeiros de pasto para o gando, hortas, arbores froiteiras...Estes usos agro-gandeiros sobreviven grazas a poboación máis vella que segue a manter vínculos coa terra para o consumo propio. Nos últimos 20 anos estes usos sufriron grandes transformacións que conducen ao abandono de terras ou á súa transformación en cultivos forestais de piñeiro ou eucalipto.

Descargas