AMBOSORES - RIBEIRAS DO BISPO - PONTE SEGADE

  • Percorrido básico: De Ambosores a Ribeiras do Bispo. De aquí até Ponte Segade pasando polo Refuxio de Cascón.
  • Dificultade: Media-alta
  • Distancia: 15 km aprox.
  • Tempo de percorrido: 5 horas
  • Valoración M.D.E:
    • MEDIO (severidade do medio natural): 1
    • ITIINERARIO (orientación no itinerario): 1
    • DESPRAZAMENTO (dificultade no desprazamento): 3
    • ESFORZO (cantidade de esforzo preciso): 4
  • Coordenadas do inicio do percorrido: 43°37’16,50”; 7°44’11,19”O

Partindo de Ambosores, onde poderemos ver un muíño rehabilitado que tamén produce electricidade grazas a unha pequena turbina, o percorrido lévanos pola parte alta do río Sor, desde o seu nacemento como tal na confluencia dos regos de Tras da Serra e do Santar até o curso medio rematando na área recreativa de Ponte Segade, onde poderemos descansar e tomar forzas.

Mesmo comezando o itinerario poderemos achegarnos ao muíño rehabilitado de Ambosores. Os muíños podían ser comunais ou dun único propietario. Os chamados “muíños de herdeiros ou parceiros” pertencían a varios veciños que moían por quendas e realizaban os amaños de xeito colectivo. Estes eran muíños máis ben pequenos e dunha soa pedra.

Tamén houbo “muíños de maquía” que pertencían a un so propietario. Normalmente eran máis grandes e tiñan a vivenda do muiñeiro. Nestes cobrábase en especie cunha medida da fariña moída, “a maquía”. Estes muíños acostumaban ter máis de unha pedra e así moían mellor outras variedades de gran (trigo, centeo, millo...).

Os pescadores veñen a este río a pescar fundamentalmente troitas e reos, dúas formas de vida para unha mesma especie de peixe. Antigamente considerábanse que se trataba de dúas subespecies diferentes, hoxe os estudosos creen que é a mesma pero con dúas formas de vida, a migratoria do reo e a sedentaria da troita. Antigamente o Sor foi un río onde remontaba o salmón (en realidade todos os ríos galegos foron salmoneiros) procedente da súa viaxe polos mares para reproducirse, pero por causa dos impactos que sufriron os ríos galegos hoxe xa só quedan como testemuñas os antigos frezadeiros desta especie cada vez máis ameazada.

Afastado do río esta o territorio da fraga, onde domina o carballo, árbore emblemática dos bosques atlánticos europeos que forneceu de madeira para as construcións de casas, barcos ou mesmo as travesas do tren, leña para acender o lume ou para facer carbón, casca para curtir o coiro...e un longo etcétera de usos e aproveitamentos. Ademais do carballo na fraga son moitas as árbores que viven e que conforman un bosque cunha grande biodiversidade, pero destaca unha especie da que poderemos ver grandes exemplares no noso percorrido: o castiñeiro.

O castiñeiro foi unha árbore que se cultivou tradicionalmente porque a castaña, era moi importante na nosa alimentación até a chegada do cultivo da pataca procedente de América. As castañas recollíanse no outono e secábanse para que se puideran comer ao longo do ano até a seguinte colleita. Con elas facían caldo de castañas, cocíanse para acompañar o cocido e tamén servían para facer algún doce.

Hoxe en día estanse a desenvolver repoboacións forestais con castiñeiros inoculados con fungos, de xeito que ao tempo que facemos unhas plantacións forestais máis axeitadas ecoloxicamente, fornecémonos da súa madeira moi valorada para mobles de calidade, dos seus froitos, e dos cogomelos que nacen arredor das súas raíces.

Descargas